lunes, 21 de abril de 2008
Teresa Táboas: "Coa polémica destes días cadaquén quedou retratado ante a sociedade galega"
Teresa Táboas: "Coa polémica destes días cadaquén quedou retratado ante a sociedade galega"
Santiago de Compostela. 21 Abril 08. Moito obrigado Teresa por concedernos o teu tempo para esta entrevista para a web do BNG. Gustaríanos que explicases que beneficios lle vai reportar á sociedade galega as Normas do Hábitat Galego?
Dende o Departamento que dirixo, como conselleira nacionalista, tiñamos moi claro que había que mellorar as condicións de vida e de habitabilidade das vivendas dos galegos e galegas.
Hai que ter en conta que hai unha norma de deseño do ano 1978 para todo o Estado Español que marca como se teñen que deseñar as vivendas protexidas. É dicir, é unha norma do mesmo ano que a Constitución española, que por certo é das poucas que recolle o dereito a unha vivenda e que, ademais, no artigo 47 rexeita a especulación do solo. E curiosamente, 30 anos despois, aquí en Galiza temos un decreto do goberno galego anterior, do PP, do ano 1992 polo que se reduciru notoriamente a calidade da vivenda. Por exemplo: unha vivenda protexida pola norma do 78, que aínda está vixente, nun edificio de baixo e catro andares obriga a un patio de luces mínimo de 16 metros cadrados. Porén, o decreto do PP do ano 92 permíteo de 9 metros cadrados na vivenda libre.
Polo tanto a cuestión que tiñamos clara é que temos que mellorar as condicións de vida dos galegos e galegas por dous motivos. Por unha banda é o maior investimento que fan a meirande parte das familias porque se quedan hipotecados para 30 ou 40 anos. Teñen que asignar o 50% dos ingresos que entran nunha familia ou unidade convivencial á vivenda, cousa que no resto de Europa está nunha media dun 20%. E por riba teñen unhas vivendas cunha calidade ínfima en canto a iluminación, ventilación, accesibilidade e sustentabilidade.
Polo tanto, había que dar o paso con valentía e fíxose dende unha consellaría do BNG. En Galiza queremos ter normas para vivir que nos acheguen aos países máis avanzados do mundo, non que nos poñen nos países en cola na calidade da vivenda.
Queremos que as vivendas teñen máis luz, que os patios sexan máis luminosos, que os corredores e as portas servan para que poida entrar unha persoa con problemas de mobilidade, que aquelas persoas que deciden vivir soas teñan unha vivenda cun mínimo de 40 metros cadrados, para vivir cun mínimo de dignidade.
Tiñamos claro que queríamos facer ese cambio. O que fixemos logo, foi unha equipa técnica con varios profesores da Escola de Arquitectura (Alfredo Freixedo, Henrique Seoane..), cunha sería de consultores externos, como Manolo Gallego, César Portela, Víctor López Cotelo, co propio presidente do Consello de Arquitectos do Estado.....etc. Estivemos traballando, asesorándonos e cotexando con arquitectos de prestixio. Queriamos tamén unha norma aberta, de participación cidadá e polo tanto cun Comité Asesor de Habitabilidade onde haberá representantes dos arquitectos, dos usuarios, dos promotores, dos concellos., para que esa norma se puidera ir enriquecendo con novas propostas e, ao mesmo tempo, darlle a oportunidade aos arquitectos de innovar e de crear.
Esperades que sexa difícil garantir a súa aplicación?
A aplicación teñen que garantila os concellos, como xa se facía na norma do 92. Son os concellos a través das licenzas de obra e das licenzas de primeira ocupación os que teñen que velar para que se cumpran estas Normas do Hábitat Galego. Que pasa? Que hai concellos con orzamentos moi pequeno e que se ven imposibilitados de pagarlle a un técnico para que faga a revisión dos proxectos. Nós sabendo desa necesidade habilitamos unha partida de 1 millóns de euros no orzamento do 2008 para achegarlle estes cartos.
"Cando non se teñen argumentos sólidos a demagoxia de que van subir os prezos da vivenda é a ferramenta que se utliliza"Agardamos que todos rememos na mesma dirección. O que está claro é que nós, a consellaría de Vivenda e Solo, e eu como conselleira do BNG, temos claro que cando se sabe cara a onde vai un todos os ventos son bos. Nós sabemos cara a onde imos: a mellorar as vivendas de todos os galegos e galegas. Agardo que outros, que levantaron as súas voces críticas cuns intereses moi claros e afastados dos do conxunto da sociedade recapaciten e se sumen a estes novos tempos de cambio para acabar coas falcatruadas que se fixeron en materia de edificación.
Supoño un deses sectores que vai a contracorrente, é parte dos promotores inmobiliarios que agoiran que estas normas van encarecer o prezo da vivenda....
A demagoxia é a ferramenta máis sinxela para utilizar cando non se teñen argumentos sólidos. O prezo da vivenda ten medrado en Galiza até un 300% nos últimos 10 anos. Un incremento exponencial que levou a que moitas persoas quedaran fóra do acceso a unha vivenda e que, se o fixeron, foi cun sobresforzo que nestes momentos está a provocar traxedias pola suba dos tipos de xuro.
Neste sentido, esas voces críticas, que non son máis que demagoxia, o que están defendendo son uns intereses que lles defendía moi ben o decreto do PP do ano 1992. Por iso, Núñez Feijóo promete que se gaña as eleccións vai derrubar as Normas o Hábitat Galego.
Polo tanto, está claro onde está cara un: onde estamos nós e onde están outros. Xa chegaron os temos de que os beneficios do sector inmobiliario se reduzan se comecen a parecer máis aos doutros sectores económicos. A construción ten uns beneficios que rondan o 5% e no sector da promoción houbo momentos en que o beneficio se multiplicaba por 100 e por 200% do que se investía realmente. Que quede claro, de todas as formas, que unha parte do sector da construción si aposta por facer vivenda de calidade.
Hai que salientar que no Estado Español a construción, fundamentalmente adicada ao sector inmobiliario, representa o 15% do PIB. A media da UE está nun 7% e a do país máis rico do Estado Español, Euskadi, está nun 9%. Por iso, temos que ir achegando a eses estándares onde a promoción inmobiliaria sexa un elemento máis da nosa economía pero que non se converta no que se converteu neste momento sen ningún rigor e sen control. Houbo quen tivo a grandísima irresponsabilidade de deixar as políticas de vivenda en mans do mercado libre. E daquela falla de intervención da Administración veñen estes problemas que estamos a padecer.
Este anos destinaremos aos concellos 1 millóns de euros para garantir o seu cumprimentoA oposición de certos promotores era previsíbel, pero tamén agardaba que o PP e o PSOE utilizasen a FEGAMP para boicotear este decreto?
A oposición frontal de certos promotores era previsíbel, sen lugar a dúbidas, porque vían que a súa marxe de beneficios vaise ver reducida. Estamos ante intereses moi importantes que, dalgunha maneira, tamén repercuten nos posicionamentos de certas forzas políticas.
Certos sectores poderosos teñen altofalantes para defenderen os seus intereses e son quen de chegaren os poderes da administración pública. Non embargantes, a sociedade, a xente, non ten ese acceso. Por iso, esas voces escóitanse con tanta forza e son quen de posicionar a certas forzas políticas. Pero no BNG temos claro que quen nos ten que posicionar e por quen temos que traballar é polo conxunto da sociedade, pola xente porque para o que non estamos aquí é para beneficiar a un sector concreto, nin moito menos.
Na polémica destes días coas Normas do Hábitat Galego penso que todos quedaron claramente retratados para a sociedade galega.
Son conscientes de que a sociedade está farta de que a vivenda sexa utilizada como un ben especulativo para beneficio duns poucos. Coas Normas do Hábitat Galego créanse grandes esperanzas na sociedade pero tamén grandes compromisos. Asume este repto?
Si. Efectivamente, créanse na sociedade grandes esperanzas de que hai políticos e políticas que si cremos no cambio, que tentamos facer ese cambio pero tamén grandes compromisos de facer que se cumpran.
Aínda queda moito por facer no noso país no referido ás políticas de vivenda. Nestes momentos estamos a redactar o primeiro plano sectorial do Estado español para vivenda protexida, para habilitar 6 millóns de metros cadrados e que se poidan construír, sobre todo nas grandes cidades que é onde hai máis demanda, un total de 40.000 vivendas nos seguintes seis anos a partir da súa aprobación.
Polo tanto, somos conscientes de que temos que respostar a esta crise económica con medidas. As medidas son solo empresarial, son plans sectoriais de solo residencial e a partir de aí a construción seguirá a ter o seu nicho de negocio, pero as persoas terán, que é o máis importante, vivendas a prezo limitado e de grandísima calidade.
Estes días imos adxudicar as primeiras vivendas que van cumprir coas Normas do Hábitat Galego: son 172 vivendas en Garabolos (Lugo), de promoción pública.
Moito ánimo porque a sociedade galega precisa destas medias.
Ánimo e ilusión porque a ilusión é o que nos fai traballar. Temos que crer que podemos. Temos unha sociedade que o merece porque os seus problemas estiveron durante moito tempo esquecidos polos poderes públicos.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario