jueves, 13 de marzo de 2008

ENXEÑERIA ROMANA EN ESPAÑA


Preto de 700 persoas visitaron a mostra “Artifex. Enxeñería romaña en España” dende a súa inauguración o pasado 27 de febreiro

O gran interese que a mostra “Artifex. Enxeñería romana en España” ten despertado no público vigués amósase no feito de que dende a súa inauguración o pasado 27 de febreiro e ata o 11 deste mes de marzo foron 675 persoas as que se achegaron ao Museo de Castrelos para coñecer o legado técnico da enxeñería romana a través das súas innovacións e logros en diversos ámbitos.

A exposición percorre os diferentes avances técnicos dos romanos na súa enxeñería civil, de manifesto nas calzadas, acueductos, pontes e explotacións mineiras, entre outras infraestruturas, a través de cinco áreas temáticas. A primeira delas áreas, “A construción: materiais e maquinaria”, contempla as principais técnicas e materiais utilizados polos construtores romanos, deténdose nas grandes innovacións,
como o emprego masivo do formigón de cal, na construción de arcos e bóvedas con axuda de cimbras provisionais de madeira e, así mesmo, nos exemplos da maquinaria e instrumental utilizados nas obras públicas. Na área II, “As comunicacións, calzadas, pontes e portos”, trátase da construción de infraestruturas para o transporte, tanto terrestre coma marítimo; infraestruturas que fixeron posible a expansión militar, comercial, administrativa e cultural de Roma.
“A cidade e o seu equipamento”, terceira das áreas da exposición, trata fundamentalmente o tema do abastecemento da auga na cidade e as obras de saneamento urbano. Na área IV, dedicada a “Minería e Metalurxia”, exponse o panorama das principais explotacións de minerais metálicos da Península Ibérica, con detemento nalgúns dos procedementos empregados na súa obtención e tamén na súa elaboración, caso das técnicas de fundición de bronce á cera perdida, xeneralizadas na estatuaria, e aplicadas na construción de instrumentos e máquinas. Finalmente, na área V trátase de determinadas “Técnicas e artes industriais”, dende a industria da salga ata a fabricación do vidro, elaboración de tinguiduras ou transformacións de produtos agrarios, que nos achegan a algúns dos usos e costumes cotiáns da civilización romana.
A mostra, producida polo Museo municipal en colaboración co Centro de Estudios Históricos de Obras Públicas y Urbanismo (CEHOPU) e o Ministerio de Fomento e comisariada por Ignacio González Tascón, se pode visitar na sala de exposicións temporais ata o 27 de abril de xeito libre e gratuíto, en horario de 17 a 20 horas de martes a sábados e de 10 a 13.30 horas os domingos e festivos. Ademais, o Museo ofrece a posibilidade de realizar visitas guiadas á exposición, coa realización dun obradoiro didáctico. Neste caso o horario é os martes e xoves de 10.30 a 11.30 horas, e os sábados de 17.30 a 18.30 horas. A reserva pode facerse no teléfono: 986 460 812

No hay comentarios: