domingo, 12 de agosto de 2012

ANXEL HUETE



 ANXEL HUETE Ourense 1944

Comezou a vivir o ambiente artístico desde a infancia, xa que o seu pai, un coñecido xornalista, era moi amigo de destacados plásticos ourensaáns. O futuro pintor relaciónase desde moi novo con Xaime Quessada, José Luis de Dios, Acisclo Manzano, Virxilio Fernández, coterráneos e algo maiores ca el.
 
Na década dos sesenta, tras residir algún tempo en Vigo, trasládase a Barcelona, para asistir aos cursos da Escola Massana e seguir despois a carreira de Belas Artes na Escola de San Jorge. O camiño definitivo acharao na Escola Superior de Belas Artes (HFBK) de Berlín, onde entra en contacto coas vangardas que orientan a obra do mozo galego cara a unha abstracción sinóptica, de base xeométrica, logo de etapas iniciais nas que cultivou o pop-art e un expresionismo emparentable coas correntes que universalizou Francis Bacon.
Expón individualmente en 1966, en Vigo, e desde entón as súas mostras sucedéronse en cidades de Galiza e de España, en Berlín, Río de Xaneiro ou Suíza. Máis interesante aínda é a súa participación en colectivas de importancia, desde 1970 en Berlín, pasando por numerosas cidades de España, Francia ou Arxentina, etc.
Figurou nas exposicións do grupo Atlántica desde a inicial, xa que foi membro fundador do grupo xurdido en Baiona. Interesado pola investigación na plástica, realiza os cursos de doutorado na Facultade de Belas Artes en Salamanca e doutórase en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Desta última é profesor. Viaxou por numerosos países e ten obra tanto en coleccións públicas e privadas, e museos e centros institucionais, como tamén a ten integrada na arquitectura: velaí o mural do centro escolar na Armenteira, a escultura ao aire libre do polígono da Agrela, na Coruña, e os murais na alameda de Chapela e o da autoestrada Vigo-Pontevedra, no chamado nó de Isaac Peral. Ilustrou numerosos libros e publicacións a partir de 1982 para escritores e editoriais de Galicia. Figura nos museos de Vigo, Pontevedra, A Coruña, León, Arte Contemporánea de Compostela, de gravado de Bos Aires e da Resistencia Salvador Allende.
 

A pintura representativa de Huete é por completo abstracta, con vagas e ata nulas referencias formais, case sempre de intención xeométrica. A súa gama é moi sobria, de tons ocres dominantes, aínda que tamén aparecen azuis e amarelos. Chega a unha total simplificación, suxerindo o grafismo do deseño, especialidade que cultivou. Materia levísima, moi tendida sobre o soporte, con frecuencia papel, consegue texturas caprichosas, como de brochazo elemental.

No hay comentarios: